Apresentación Pública da candidatura de Mugardos na Esquerda



Mugardos na esquerda presentou o seu programa de goberno
nun acto abarrotado de público

Mugardos na esquerda fixo a súa presentación pública no centro cívico desta vila o pasado domingo coa asistencia de numerosos veciños e veciñas que obrigou a que boa parte das persoas asistentes tiveran que seguir o acto de pé.

As persoas que actuaron de portavoces de Mugardos na esquerda explicaron que o proxecto xurde da vontade de veciñas e veciños de Mugardos fartos da ausencia de democracia real, da ausencia nas decisións dos gobernos da vontade do pobo, e do entreguismo do que é de todos e todas as empresas por parte dos partidos políticos institucionais.

Diana Gelpi explicou que consideramos que desde o concello se poden abrir oportunidades para a creación de emprego, Se pode crear emprego para podermos vivir e desenvolver a nosa vida na nosa terra sen ter que emigrar, e para acabar coas enormes desigualdades sociais onde os que teñen moito cada vez teñen mais e os que temos pouco cada vez estamos mais empobrecidos. O que falta no concello son ideas e vontade.

Bernardo Máiz presentou o programa de goberno no que se propoñen alternativas desde o local para a creación de emprego baseadas principalmente no fomento do asociacionismo produtivo como por exemplo a creación dunha comisión impulsora de micro-empresas municipais, o impulso dunha empresa pública ou cooperativa de explotación agro-gandeira-Forestal (bancos de terra), a recuperación das terras ociosas para facelas rendíbeis, a recuperación e conservación dos bancos marisqueiros así como a defensa do comercio polo miúdo e de proximidade. Boa parte delas baseadas no respaldo por parte do concello ao cooperativismo e á economía social. A maioría das propostas estaban na antítese coa política clásica dos partidos baseada na construción de grandes infraestruturas e en atraer empresas foráneas que envían os beneficios fora, explotan as traballadoras e traballadores, e destrúen á nosa terra.

Diego Vila explicou que a nosa alternativa defende o dereito de autodeterminación e a democracia real como principios ideolóxicos da alternativa de goberno que representa Mugardos na esquerda. Nese sentido, Mugardos na esquerda vai traballar na re-construción nacional dende o local para dotar ao noso pobo de soberanía.

Anxo Outeiro explicou que o funcionamento de Mugardos na esquerda basease no asemblearismo. Así mesmo, partindo deste principio explicouse que o importante para Mugardos na esquerda non é a candidatura nen as persoas candidatas; é o proxecto e o programa. Nese sentido, o proxecto é bastante rupturista xa que as persoas elixidas ocuparan o cargo como máximo un ano para deixar entrar ao seguinte da lista e sempre, todas as decisións das persoas electas no concello terán que pasar antes pola asemblea aberta de Mugardos na esquerda. Así mesmo, explicouse que as persoas elixidas por parte de Mugardos na esquerda renuncian a calquera tipo de salario por desenvolver o seu cargo de electos.

Por último desde o público, membros da candidatura de Miño semellante á nosa explicaron que
Mugardos na esquerda non é a única proposta que se presenta no país que ten como marcas ideolóxicas o soberanismo e os valores da esquerda. Explicaron que existen 12 candidaturas en total. Mugardos na esquerda, igual que a Alternativa de Miño na esquerda forman parte dun proceso de diálogo entre organizacións galegas de cara a confluír nun proxecto político alternativo, que teña como marcas ideolóxicas o soberanismo e os valores de esquerda. O impulso desta nova organización de ámbito galego faise urxente pola deriva ideolóxica na que está sumido o BNG e o PSOE.